Excesivo

Xaneiro 28th, 2011  |  Published in| the_category A granel


Científicos e profesores da Universidade de Santiago de Compostela afirman que a lingua galega pode ter futuro se se lle dá un empurronciño. Segundo eles, o bilingüismo pode ser estable e duradeiro.

Como só é cuestión dun empurronciño, ao noso máximo mandatario, que debera estar moi preocupado pola situación do galego, parécelle “excesivo” que se fale no Senado.

Que pronto nos conformamos os galegos cunhas migallas…! Todo nos queda excesivo.

Haberá que consultar con Jordi Pujol…

Acarondosil

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comprar, tirar, comprar

Xaneiro 11th, 2011  |  Published in| the_category A granel

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/TUALXSZL2ww" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Vin o pasado domingo na tve2 o documental Comprar,tirar, comprar de Cosima Dannoritzer  e quedei impresionado coa descrición que facía da obsolescencia programada como motor do consumismo. Aquilo de que cada vez máis obxectos que mercamos non teñen posibilidade de ser reparados e hai que substituílos por outros novos, con graves consecuencias económicas e ambientais.

Un dos casos que se describían neste excelente traballo é o das impresoras que levan incorporado un dispositivo para facer un determinado número de copias, a partir do que deixan de funcionar. O afectado, un xoven barcelonés, percorreu tres tendas coa súa impresora na procura de reparación. A resposta nas tres foi a mesma: “vaille ser mellor comprar unha nova, é máis barato que reparala”.

Ao día seguinte nada más darlle a orde de imprimir a miña Canon Pixma IP 1500 (poño o modelo por se a alguén lle pasou o mesmo) sácame nunha ventá unha lenda que máis ou menos informa que o dispositivo de tinta residual, cito de memoria, está cheo e que me poña en contacto co meu provedor. Así o fago, xa coa mosca tras da orella polo que vira na tele o día anterior. Chamo á tenda onde a merquei e no momento me informaron de que non había máis solución que tirala e comprar unha nova. Fixen partícipe, á persoa que me atendeu no teléfono, da miña indignación coa obsolescencia programada e pregunteille se non había maneira de resolver esa cuestión en favor do consumidor, neste caso eu mesmo. Na película explicaron que si se pode resetear o contador fraudulento do fabricante, mais o meu interlocutor naquela altura non sabía ou non quería saber de películas.

Como son pouco hábil en cuestións informáticas e de aparellos en xeral, xa estaba resignado a adquirir unha nova máquina. Acudín a outra tenda co meu problema e a miña indignación antisistema. Nesta ocasión o vendedor de equipos informáticos entendeume e atendeume con complicidade. Alí mesmo me facilitou a maneira, sinxela por outra parte, para facer que a impresora volvese a funcionar. Así que quedei tan sorprendido como coa película, non sei se por poder reparar o malicioso fallo programado da miña impresora ou por ter atopado un vendedor honrado.

Gulfariz

Chuzame! A Facebook A Twitter

Galicia Bilingüe ou Desprestixia por se algo queda

Xaneiro 10th, 2011  |  Published in| the_category A granel

Probablemente, o mellor sexa non facerlles caso e non darlles a máis mínima publicidade ás súas ideas. Pero, hai veces, hai que recoñecelo, que non é doado, tal é a magnitude dos seus feitos.

Na páxina web de Galicia Bilingüe (eses grandes amantes do bilingüismo monolingüe), baixo o título “Adoctrinamiento en la enseñanza en Galicia”, aparece información sobre unha serie de persoas da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística.

Evidentemente, coa información que dan pensan eles que desprestixian as persoas que citan na súa web. É dicir, hai unha serie de persoas que loitan día a día pola defensa da lingua galega (hai que dicilo, só cumpren co seu deber) e hai outras, os de GB, que pensan que isto é malo. Xa vemos como é a Galicia que queren os de GB…

Vostede si que sabe, dona Gloria. E que será o próximo? Poñer na web os nomes dos profesores e profesoras que imparten a clase en galego? Poñer o nome de todos os/as galegofalantes de Galicia?… Con que nos sorprenderá, dona Gloria?

Este ano, o Entroido cae moi tarde, pero algúns viven nunha mascarada permanente. Eu quedo antes co de Viana, Laza ou Xinzo.

Acarondosil

Chuzame! A Facebook A Twitter

Do namoramento á obsesión: Aí, dona Gloria, vostede si que sabe…

Xaneiro 5th, 2011  |  Published in| the_category A granel


Segundo a carta que vostede lle dirixe ao presidente da RAE, os que tratamos de conservar unha lingua distinta do español ou somos dun sector con grandes intereses económicos ou somos un grupo de poder ou, finalmente, somos fanáticos que pasamos do enamoramento á obsesión.

Vostede si que nos coñece, dona Gloria. Deixounos co cu ao aire. Recoñezo os meus intereses económicos no asunto. Grupo de poder…?,  que máis quixera eu. Pero, dende logo, dona Gloria, o que mellor me definiu, o que máís me conmoveu foi a miña evolución de enamorado a obseso. Como me coñece…!

Vostede, dona Gloria, si que sabe: si que sabe manter o tema da lingua no centro da polémica meses antes das eleccións. Iso que despois falan de que algúns politizan e viven das polémicas lingüísticas… Que oportuna foi vostede en tocar o tema dos topónimos: como llo van agradecer na cidade do norte…

Non, vostede non está obsesionada co galego nin co castelán. Vese moi claramente, estea tranquila.

Acarondosil

Chuzame! A Facebook A Twitter

O espírito do Nadal

Decembro 16th, 2010  |  Published in| the_category A granel  |  1 Comment


Queren vender máis os comerciantes locais. Os seus representantes,  adeptos ao neoliberalismo e partidarios, por tanto, da globalización que trouxo a desaparición do pequeno comercio e das redes locais, queren que se lles reproduza o ambiente que reina, desde un mes antes do Nadal polo menos, nos macrocentros comerciais dos arrabaldes urbanos: decoración cargante con derroche de iluminación e villancicos repetidos ata a fartura, por altofalantes que non paran de soar. Eles que son seguidores do catecismo de diminuír o gasto público, para que os fantasmais “mercados” se vaian calmando, queren máis gasto para crear ambiente, para animar as compras… e que isto se faga cos cartos de todos. Que a xente non vaia ao centro comercial máis próximo, porque con saír da casa xa encontra o mesmo ambiente de incitación ao desexo do que non necesita, a maior parte das veces.

No canto de aproveitar que forman parte da alma das vilas e cidades, de facer valer o seren próximos á xente,  quererán ser como as macronaves? despersonalizarse e masificarse porque é o que se leva. Xa non poderá un pasear tranquilo e entrar a unha tenda cando o necesite, como consumidor responsábel. Érache boa. Será o espírito consumista do Nadal o que nos persiga nada máis poñer o pé fora da casa, a ritmo de zambomba “a Belén va una burra…” ata producir fastío?

O concello xa instalou altofalantes e desculpou o retraso na colocación das luminarias. Eu sempre preferín gastar nos comercios que están aí desde sempre, nas rúas e prazas polas que paseas, sen sentirte agobiado nen presionado. Mais agora xa non sei que facer, se continuar comprando nun espazo aberto que quere ter os inconvenientes do cerrado, ou ir xa directamente a aquel que tratan de imitar e que dispón dunha boa calefacción. Moita xente prefire o orixinal ás imitacións.

Que pase pronto todo isto que a min moito me retrae.

Na imaxe un cartel da campaña consumehastamorir.com de Ecologistas en Acción.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Sanidade pública ou barbarie privatizadora

Novembro 19th, 2010  |  Published in| the_category A granel


Os servizos públicos como a sanidade, a educación públicas, a asistencia social, son conquistas da cultura humanista, logros de xeracións de traballadores e traballadoras e da cidadanía no seu conxunto. Forman parte dos valores que debe defender calquera sociedade que crea na xustiza social, das cousas que nos dan orgullo, que nos fai sentir que vivimos nunha sociedade un pouco máis xusta que outras. Son o legado que nos deixaron as xeracións anteriores e son, tamén, froito do noso esforzo. Sentimos orgullo dos nosos servizos públicos, sentimos orgullo da nosa sanidade pública, porque é boa, porque nos atende ben, porque podía atendernos aínda mellor cunha política que a coidase e porque, ademais, é nosa.

No tempo de malas colleitas roldan os raposos e baixan os lobos do monte, este é o tempo no que temos que defender a nosa sanidade pública dos que veñen trabar nela mostrando os dentes. Este é o tempo no que temos que defender a sanidade pública da barbarie, tanto ten que a barbarie se nos presente coas mellores maneiras, veñen ao que veñen, veñen a por ela.

Será a nosas xeración quen vexa como lle tiran das mans o que é público, de todos? Será a nosa xeración quen permitan que llo rouben, pura e simplemente? Pois seguirá a haber sanidade, mais será de propiedade deles, duns poucos. O noso pasará a ser seu. Non se trata dunha destrución, trátase dun roubo. Agora, cando entramos nun centro de saúde pública entramos na nosa casa, cando privaticen a sanidade entraremos na tenda de outros e seremos os seus clientes. Primeiro ven o roubo, logo virá ademais o termos que pagar.

Un roubo tan enorme diante dos nosos ollos non pode realizarse sen facelo ás agachadas e buscando coartadas, a coartada quere ser a crise económica. Coa desculpa da crise económica, o goberno galego está a traernos a Galicia a política das administracións “Gurtel”, a política sanitaria que xa fan en Madrid e Valencia: reducen os orzamentos para a sanidade e ao tempo meten o capital privado nas novas infraestruturas sanitarias. Arruínan primeiro o público para privatizalo logo e facer negocio. As consecuencias son nefastas para a poboación do noso país:

Retraso na apertura do hospital de Lugo, que o vai facer nacer xa privatizado en parte; retrasos e privatización no novo hospital de Vigo e na ampliación do Complexo Hospitalario de Pontevedra; privatización dos novos centros de saúde; avanzados proxectos de privatización da alta tecnoloxía radiolóxica e dos laboratorios; privatización, privatización, …

Non hai dúbida que padecemos unha crise, sábeno mellor que ninguén os traballadores que son quen a paga sen ter culpa ningunha na súa orixe; precisamente por iso é máis preciso que nunca que a administración escoite aos sindicatos, ás organizacións sociais, aos cidadáns. Por iso chamamos ao conxunto da cidadanía a que se faga ouvir e apoie á plataforma “SOS Sanidade Pública”, a plataforma que nos representa a todos os que estamos pola defensa e a mellora da sanidade pública galega. Por iso nos, xente da cultura galega, apoiamos a manifestación convocada en Compostela, o próximo domingo 21 de novembro, por “SOS Sanidade Pública” en defensa do que é noso e que nos queren quitar para faceren o seu negocio. Defendemos a nosa sanidade pública.

Manifesto da Pataforma SOS Sanidade Pública

Chuzame! A Facebook A Twitter

Volvemos ao ye ye

Novembro 10th, 2010  |  Published in| the_category A granel  |  2 Comments


Entre os moitos prexuízos cos que, digámolo dunha maneira suave, os non moi cariñosos coa lingua propia de Galicia enchen esta e os seus falantes, están os relacionados coa normativa e a súa problemática.

Cantas veces non levamos escoitado que a normativa do galego está cambiando continuamente: que un non sabe se escribir “estudar” ou “estudiar”, “ó” ou “ao”, “ata” ou “até”…, etc., etc.

As alusións a que a normativa do galego é algo inventado son, tamén, continuas, esquecendo que todas as normativas son unha convención.

Quen non escoitou algunha vez que o galego que se fala na aldea é “castrapo”, un mero dialecto do castelán…? Eses mesmos que parecen rexeitar o castrapo renegan tamén da normativa “inventada”. Como se soe dicir,  aos que non lles gusta o galego non lles val ningunha normativa.

Evidentemente, hai que elaborar unha normativa axeitada, e logo respectala. A que sexa, a que os entendidos consideren máis oportuna e apropiada. E, a partir de aí, imponse o respecto. Respecto que non teñen os que enchen a nosa lingua de prexuízos.

Por certo, e que pensarán agora os que fomentan os prexuízos cando ao “y” (i grego) lle teñan que chamar “ye”? Agora resulta que o “yoyó” leva “ ye ye”…

Acarondosil

Chuzame! A Facebook A Twitter

Carlos e Juan: Resistindo no Meiral

Novembro 5th, 2010  |  Published in| the_category A granel  |  3 Comments


Chegaron a ser, segundo nos dixeron, dezasete familias na aldea, algunha delas con moitos membros. Hoxe só quedan dúas persoas.

Era o primeiro de novembro, un deses días sinalados de outono. Xa á  tardiña, saímos do Barco na procura dunha aldea abandonada, ou iso pensabamos nós. Pasamos Viloira, deixamos Vales, Cesures e Fervenza á nosa dereita, e seguimos subindo ata chegar ao Meiral, o noso destino.

Buscabamos unha desas aldeas abandonadas desta nosa abandonada Galicia e atopamos un claro exemplo de resistencia: Carlos e Juan facendo un magosto na entrada da aldea. Algo que, segundo nos dixeron, viñan facendo todos os primeiros de novembro desde hai anos.

Lume, castañas e viño (e lingua do país) como símbolo de loita pola supervivencia nesta nosa Terra onde todo o propio tende a desaparecer.

Nada máis saír do coche, convidáronnos a castañas e viño. Alí estaba, tamén convidado, o seu panadeiro. Eran tres e nós, os recén chegados, outros tres.

Mentres comiamos as súas castañas e bebiamos o seu viño, eu pensaba para min: cantos Carlos e Juans necesitariamos na nosa Galicia para conservar iso que moitos queremos conservar…? Algúns pasamos a vida falando e falando de conservar lingua, tradicións… Outros, como Carlos e Juan, póñeno en práctica todos os días. Que vivan, polo noso ben, moitos anos.

Acarondosil

Chuzame! A Facebook A Twitter

Tempo de apandar

Outubro 30th, 2010  |  Published in| the_category A granel


Parodiando o prosista do exilio Ramón Valenzuela Otero, este é tempo de apandar…
Pero non de perder a ilusión.

Tempo de reflexión arredor de nós…
Pero non de inactividade e pasividade.

Días escuros de outono, de caída da folla…
Pero tamén de produtos da terra: de viño, de castañas de cogomelos, de conchos…

Non, non sempre vai ser así. Como ben cantaban Fuxan os Ventos: temos futuro, temos mañá. Non vai ser sempre tempo de apandar. O outono dura o que dura, e a esperanza dura sempre.

Acarondosil

Sitio web da imaxe: aturuxo-candela.blogspot.com

Chuzame! A Facebook A Twitter

A folga, dez motivos que poderían ser máis

Setembro 27th, 2010  |  Published in| the_category A granel  |  2 Comments


1.- Porque nós non provocamos a Crise
2.- Porque os que están demandando as medidas son os mesmos que a provocaron.
3.- Porque os gobernos son testaferros dos especuladores.
4.- Porque a refundación do capitalismo é o Feudalismo empresarial.
5.- Porque están desmantelando o Estado de benestar en beneficio das multinacionais e dos bancos.
6.- Polos mozos que non teñen futuro nin presente.
7.- Polos vellos, que logo de traballar toda a vida, redúcenlles pensións e prestacións.
8.- Porque lles imos a deixar aos nosos fillos unha situación peor que a que nos deixaron a nós.
9.- Porque se nos están rindo na cara (ver foto)
10.- Por dignidade e por sentirme ben conmigo mesmo o día 30

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp